A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, ao amparo do Proxecto de Estado contra a Violencia de Xénero, en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, consideran imprescindible ofrecer unha formación específica en materia de xénero, dirixida aos e ás profesionais que exercen no ámbito da saúde (Psicólogos/as Especialistas en Psicoloxía Clínica, Psicólogos/as Xerais Sanitarios/as e Psicólogos/as habilitados pola Consellería de Sanidade para o exercicio de actividades sanitarias).

A formación en materia de xénero é esencial para previr, detectar e intervir nas situacións de violencia de xénero, pero tamén en todos os trastornos de saúde mental nos que incide a construción social de xénero, con todas as súas implicacións (expectativas, roles, estereotipos de xénero).

As boas prácticas en materia de xénero contribúen a unha mellor atención á saúde mental das mulleres e menores e por tanto a mellorar a súa saúde dun modo integral, repercutindo isto de un modo moi positivo na comunidade.

Esta formación está encamiñada a facilitar unha formación básica e especializada en xénero, violencia de xénero e perspectiva de xénero, dirixido a profesionais da psicoloxía no ámbito da saúde co obxectivo de facilitar a integración dunha mirada de xénero que nos permita desde a nosa vida e o noso ámbito profesional superar a inequidade (Desigualdades innecesarias, evitables e inxustas) e deste modo atender ao carácter ético asociado ca xustiza social e DDHH.